Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Frades reúnese co Conselleiro de Medio Rural e Agader para falar sobre melloras ao municipio


Esta produtiva entrevista para Frades acadou un compromiso de avaliación para o acondicionamento de dúas pontes, unha que une o Concello de Frades co de Ordes e a outra co de Boimorto

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez e o tenente de alcalde, Manuel Ferreiro Marzoa, reuníronse co conselleiro do Medio Rural, José González e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, para tratar varios temas moi interesantes para o presente e futuro das explotacións gandeiras e do sector forestal do Concello. De feito acadouse un compromiso de avaliación do estado de dúas pontes e en caso de necesitalo o seu posterior acondicionamento. As pontes son a que une o Concello de Frades co de Ordes e a outra co de Boimorto.

O alcalde de Frades, agradeceu ao conselleiro do Medio Rural as axudas destinadas á mellora de infraestruturas rurais que dende o ano 2016 aportaron ao Concello de Frades máis de 460.00 euros no Plan Marco de Mellora de Camiños Rurais. O seu obxectivo a cohesión territorial e social dos núcleos rurais, mellorando desta forma a calidade de vida e traballo no medio rural, así como a accesibilidade e a vertebración do territorio. Precisamente, na convocatoria deste ano 2023-2024 foille concedida unha achega de case 62.400 euros para o arranxo do camiño que une Tañoi coa Cruz do Canedo (Abellá), entre outros.

Con respecto a este tema das infraestruturas, os representantes de Frades propuxéronlle ao conselleiro do Medio Rural a creación dun Plan de arranxo de Pistas de accesos a monte e parcelas agrícolas. Frades é un Concello concentrado ao 100% cunha rede viaria moi extensa e cunha circulación de maquinaria agrícola moi pesada que fan necesarias medidas que faciliten unha economía eficiente e a fixación de poboación no rural.

Por outra lado, no referente á vertebración do territorio, debateuse a posibilidade de aplicar os instrumentos de mobilización de terras recollidos na Lei de Recuperación, aplicando permutas voluntarias de interese agrario. Esta medida pode ser moi interesante para Frades por permitir un maior aproveitamento das parcelas, o que supón unha diminución de custos de explotación tanto para o sector gandeiro como forestal. A este respecto, acordouse celebrar un encontro, despois do período estival, entre ós técnicos de ambas administracións, para estudiar concentración a concentración, as posibilidades de reorganización de parcelas que poderían plantexarse en Frades.

Cabe salientar que o concello de Frades ten rematadas xa un total de 19 concentracións parcelarias, as cales permitiron reorganizar unha superficie de algo máis de 7.700 hectáreas. Desta forma, mellorouse a estrutura territorial das parcelas, incrementado a súa superficie media, o que deriva nunha redución dos custos de produción das explotacións da zona.

O alcalde de Frades agradeceu ao conselleiro do Medio Rural e a directora xeral do AGADER a xuntanza desta semana, así como a súa predisposición e celeridade en atender as demandas de Frades para tratar temas de tanto interese como son todos os que afectan á mellora da produtividade e calidade de vida dos veciños e veciñas de Frades.